O Consello da Cultura Galega acolleu este xoves e venres un Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias, centrado principalmente no seu impacto no Estado español, buscando abrir un espazo para a reflexión respecto do cumprimento dos compromisos adquiridos nos artigos 7 a 13 da Carta. O encontro xuntou unha trintena de representantes de todas as linguas que se falan en España: amazige, árabe ceutí, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán (Aragón, Cataluña, Illas Baleares, Murcia e País Valencià), éuscaro (Navarra e País Vasco), fala, galego (Asturias, Galicia, Castela e León), leonés e portugués (Estremadura).
O foro rematou coa lectura dunhas conclusións provisionais que indican, en palabras de Rosario Álvarez -vicepresidenta do Consello da Cultura Galega- que “estamos moi lonxe do cumprimento dos compromisos subscritos polo goberno español coa ratificación da Carta”. As conclusións insisten na necesidade dunha maior divulgación social e recoñecemento institucional deste documento aprobado polo Consello de Europa en 1992, así como na importancia de encontros de debate para dar a coñecer a situación real de cada unha das linguas faladas.
(more…)
Read Full Post »